Aberto o prazo de inscrición para campamentos de verán en Cambados, Vilanova e Ribadumia

La Voz VILANOVA

RIBADUMIA

-

Ofrecen servizo de plan Madruga e de acompañamento na comida

19 abr 2024 . Actualizado a las 11:12 h.

As familias empezan a buscar alternativas de ocio para os nenos nas vacacións escolares do verán e os campamentos son unha boa opción. Aos da Xunta e a Deputación de Pontevedra súmasen os que se ofertan desde os concellos, moitas veces baixo xestión privada, como son os que se porán en marcha este verán en Cambados, Vilanova e Ribadumia. Celebraranse desde o 25 de xuño ata o 6 de setembro para nenos con idades comprendidas entre os 3 e os 14 anos e contarán cunha ampla oferta de actividades: kayak, surf, hípica, aventura, Dakart, excursións e unha visita á illa de Cortegada, ademais de incluír na programación educación musical —no caso de Ribadumia debido á colaboración da escola de música— e reforzo educativo, o que constitúe unha novidade con respecto a outros campamentos estivais.

As sedes estarán no pavillón multiusos de Vilanova, no colexio de Corvillón e na escola de música de Barrantes. Nos tres casos, o horario será de 9 a 14 horas, se ben existe a posibilidade de acollerse ao plan Madruga e que os nenos poidan entrar ás 8 horas e comer no campamento acompañados por monitores ata as 15 horas.

O prezo por mes é de 145 euros por neno, con descontos no caso de asistir irmáns, contemplando a posibilidade de acudir por quincena (90 euros), por semana (45 euros) ou días soltos (15 euros). A tarifa polo plan Madruga suporía un suplemento de 20 euros ao mes, ao igual que para o chamado plan Fiambreira. Para aqueles nenos que opten por asistencia mensual e inclúan estas dúas posibilidades o prezo sería de 175 euros.

O prazo de inscrición estará aberta ata o 10 de xuño. Os interesados poden obter máis información e reservar praza nos teléfonos 666 305 165 ou 642 516 995.

Os campamentos están organizados por os vilanoveses José González e Carmen Ozores, a cambadesa Lara Costa e a porriñesa Laura Mihalache, todos eles con estudios de Educación Infantil.